A auga é a protagonista dunha exposición fotográfica na Guarda
O martes día 11 de decembro a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolleu a inauguración da Exposición «Auga, o sangue da terra», un proxecto de Manuel Valcárcel.O acto de inauguración contou coa presenza do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, a Concelleira de Cultura Elena Baz, así coma unha representación de Afundación e de Abanca, co-organizadores desta exposición e público asistente.
A exposición recolle unha serie de fotografías de Manuel Valcárcel nas súas viaxes ao redor do mundo, recollendo instantáneas coa auga coma protagonista en países coma China, Níxer, Nova Zelanda ou o deserto de Atacama en Chile.
En palabras de Manuel Valcárcel «A auga, elemento vital ao que quixen render esta humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras porque, quen somos os seres humanos para crernos por enriba da natureza? Esta é a miña visión do que foi, é e será a Terra. Non malgastemos esforzo e diñeiro en buscar un mundo mellor noutros planetas, este é o noso, onde nacemos e onde morreremos, debemos respectalo e coidalo.»
Dende esta mesma semana máis de 200 alumnos e alumnas dos centros escolares guardeses visitarán esta exposición, que conta con máis de vinte de instantáneas realmente sorprendentes.
A exposición estará no Centro Cultural da Guarda ata o 12 de xaneiro de 2019 en horario de Luns a venres de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h e os sábados en horario de 10:00h a 13:00h
Tag:A Guarda, cultura, Exposición, Fotografía