A figura de Rosalía de Castro centra as actividades programadas para este sábado
Os nenos e nenas gozarán dunha sesión especial de “Contos Contados” na Biblioteca. Pola noite haberá un recital poético e musical no Centro Cultural.
Este sábado, 27 de febreiro, o Concello da Guarda ten programadas diferentes actividades, tanto para nenos coma para maiores, centrados na figura da poeta Rosalía de Castro.
Dentro do ciclo de “Contos Contados” que se celebra mensualmente na Biblioteca Municipal, este sábado haberá unha sesión centrada na escritora galega máis recoñecida. Nesta actividade os nenos e nenas participantes verán un pequeno vídeo explicativo da figura de Rosalía de Castro e despois traballarán a figura da poeta a través dun obradoiro que terminará coa lectura de varios poemas da autora.
Ás 20,30 horas, no Centro Cultural haberá un evento para por en valor tanto a biografía como a obra de Rosalía de Castro. O veciño guardés Manuel Cadilla Rey, coñecido como “Maruxo” será o encargado de recitar algún dos seus poemas e grupos coma “Carainas”, “Ghaiteiros do Carreiro” e “Tremelique”, da Agrupación Cultural Guardesa serán os encargados de pór a música a este acto.
O evento será presentado por Betty Rey.
O Concello da Guarda quere convidar a todos os veciños e veciñas da Guarda a acudir a este evento e gozar da obra e vida de Rosalía.
Actividades para os nenos e nenas
Por motivos meteorolóxicos o Concello da Guarda tivo que aprazar as actividades programadas cos diferentes centros escolares en honor a figura de Rosalía de Castro.
Deste modo, o luns pola mañá, os alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria, pintarán o mural deseñado na rúa San Bernardo.
A “Marcha por Rosalía” con nenos e nenas de Educación Primaria de todos os colexios guardeses aínda non ten data fixada, se celebrará dependendo das condicións climatolóxicas.