O Concello reúnese con Costas para demandar unha solución á perda de terreo na praia da Lamiña
A xefa do Servizo Provincial de Costas visitou esta mañá a zona afectada pola erosión e comprometeuse a solicitar un informe técnico e unha proposta de actuación ao organismo de asistencia técnica CEDEX.
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, recibiu esta mañá á xefa do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, Cristina Paz-Curbera, e o técnico de Costas, Antonio Iglesias, para amosarlle a progresiva deterioración que sofre a praia da Lamiña. Ao encontro tamén asistiron o tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español, e o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez.
O rexedor local denunciou ante a responsable da xefatura provincial de Costas o estado da praia no seu límite con O Forte pois, segundo explicou, a erosión das mareas e outros fenómenos influentes no nivel do mar «veñen producindo unha perda notable de terreo e zona dunar dende hai anos». A entrada de auga no terreo provoca, ademais, o derrube das árbores do paseo e o desprazamento da area cara o litoral caminhense, onde xa se está dragado o río co fin de favorecer a súa navegabilidade.
Existe, expuxo o Lomba, o perigo de que a auga avance cara a costa guardesa e alcance unha zona coñecida como «cova do Forte» na que o nivel do terreo é máis baixo que o do río, provocando o asolagamento da zona do Forte e a consecuente perda de zona dunar e boscosa do Feno.
Nesta situación, Paz-Curbera comprometeuse a solicitar un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) de forma inmediata, así como unha proposta de actuación no areal guardés.
Rexeneración da «escombrera»
O rexedor local aproveitou a visita da delegada de Costas para trasladarlle a súa preocupación pola falta de progresos na rexeneración medioambiental do aparcamento da Lamiña, situado sobre os restos de terrazo dunha antiga fábrica.
O proxecto de rexeneración do cascalleiro, con informe favorable por parte da Consellería de Medio Ambiente, foi entregado a Costas o pasado ano. O plan inclue a rexeneración do areal e as dunas, a creación de zonas verdes e recreativas, e un novo espazo de aparcamento.
A pesar de que o organismo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente considera esta actuación importante e necesaria, Paz-Curbera aseverou que o proxecto non poderá acometerse en tanto que non se aproben os orzamentos xerais do Estado.