A exposición dedicada ao centenario do MASAT inaugúrase mañá na Casa dos Alonso
A exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, conmemorativa do centésimo aniversario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, inaugúrase mañá, 27 de xullo, ás 19.00 horas na Casa dos Alonso. A mostra permanecerá aberta ó público ata o 27 de agosto, cun horario, de martes a sábado, de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00. Os domingos e días festivos será posible á súa visita entre as 12.00 e as 14.00 horas.
A exposición amosará a evolución do museo dende os seus inicios no ano 1917, fundado pola Sociedade Pro-Monte, ata os nosos días, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antergos. Dende o Concello da Guarda convidamos a todas as persoas interesadas a que se acheguen á Casa dos Alonso para coñecer de primeira man como eran os habitantes que moraban na cima do Monte Santa Trega e como os membros da Sociedade Pro-Monte dedicaron o tempo a coidar e difundir un dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.
Esta mostra conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do persoal en comisariado e deseño gráfico, así como co seu financiamento con cargo ó Plan Concellos 2017.