O alcalde e representantes da hostalería guardesa reúnense co Presidente de Portos de Galicia
No encontro demandaron limiar o acceso de vehículos na rúa do Porto
O alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, acompañado pola Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, e por dous hostaleiros da localidade, en representación dos restaurantes da zona do porto, estiveron na tarde do martes, 12 de xaneiro, nas dependencias de Portos de Galicia en Pontevedra.
Nesta reunión, na que ademais do Presidente de Portos, José Juan Durán, estivo o xefe de Portos da zona Sur e o vixiante da zona, o alcalde Antonio Lomba trasladou de novo as principais demandas do concello da Guarda a Portos de Galicia.
Así, para o rexedor, unha das principais problemáticas que hai no porto da Guarda é a falta de seguridade vial provocada pola libre circulación de vehículos pola rúa peonil. O alcalde comunicou a Portos a necesidade de garantir a seguridade dos peóns e viandantes nesta vía, tendo en conta que é un lugar de paseo e esparcemento para a cidadanía guardesa e un dos espazos máis visitados e concorridos por turistas durante todo o ano, especialmente nos meses de verán. Para garantir a seguridade e limitar o acceso de vehículos, o alcalde, co apoio dos hostaleiros, propuxo a instalación dun bolardo retráctil, proposta que foi recollida polos responsables do ente, establecéndose a posibilidade dun convenio para regular o xestión do mesmo.
O alcalde demandou tamén unha solución para regular o aparcamento no vial do porto dado que está provocando problemas no tráfico. A proposta de Portos para resolver esta cuestión foi a de asinar un convenio para que sexa a policía local da Guarda a que faga o control de aparcamento. Como condición a esta proposta o alcalde expresoulle a portos que contemplaría a sinatura dun convenio sempre e cando a competencia da xestión das posibles sancións fora cedida ao concello.
Nesta mesma reunión, continuación da que houbo en Santiago no mes de outubro, o responsable municipal interesouse polo estado da plataforma do ferry, debido ao estado de deterioro que presenta esta estrutura.
Tratáronse tamén cuestións como o repintado do espigón norte, sinal de identidade para a Guarda nestes últimos anos e que o equipo de goberno quere recuperar, e tamén a necesidade de mellorar o entorno do Museo do Mar. Neste último asunto, o alcalde comprometeuse a remitir a Portos de Galicia, antes da primavera, un proxecto de actuación para a mellora dese entorno.
Por último o alcalde demandou de Portos de Galicia a instalación de pantaláns flotantes para regular o atraque e eliminar o fondeo na pasaxe, argumentando que esta instalación beneficiaría tanto aos profesionais como as embarcacións deportivas. O principal motivo que alegou o alcalde para esta demanda foi a necesidade de prestar un servizo aos máis 100 pescadores que fan a campaña de pesca no río durante 6 meses e que dende fai dous anos pasan as súas capturas por lonxa.