O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entregou os premios do concurso Imaxes con Fondo III
Onte, martes 10 de xaneiro, tivo lugar na Federación Galega de Municipios e Provincias a entrega de premios ós gañadores do Certame Imaxes con Fondo III, terceira edición do concurso de fotografía organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Onte, martes 10 de xaneiro, tivo lugar na Federación Galega de Municipios e Provincias a entrega de premios ós gañadores do Certame Imaxes con Fondo III, terceira edición do concurso de fotografía organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este fondo está integrado por 88 concellos, entre os que está A Guarda, e polas deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
O primeiro premio desta edición foi parar ás mans do fotoxornalista vigués Adrián Irago, pola instantánea ‘Arribando en Lesbos’ que amosa a chegada dun grupo de refuxiados ás costas gregas, convidando a reflexionar sobre o que a diario acontece no Mediterráneo e a corresponsabilidade de Europa na busca dunha solución. Os lucenses Evaristo Pardeiro e María Luz Arias fixéronse co segundo e terceiro posto retratando a cultura hindú e un campo de refuxiados, respectivamente.
Adrián Irago obtén así, como premio, unha viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados pola entidade organizadora. A súa obra foi elixida entre as 84 fotografías presentadas por 35 participantes que concorreron ao concurso Imaxes con Fondo, que nesta edición convidaba a reflexionar sobre a interculturalidade. As obras presentadas foron votadas no Facebook do Fondo Galego e, as quince mellor valoradas foron logo avaliadas polo xurado, conformado por Daniel Fernández, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cartelle; Conchi Pernas, técnica do Concello de Burela; Natalia Monje, da ONGD Ecos do Sur, e o fotoxornalista Felipe Carnotto, gañador de Imaxes con Fondo II.