Obradoiros infantís, mercados de artesanía e concertos varios, entre as actividades programadas para o Nadal
Esta mañá, luns 7 de decembro, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Cultura, Elena Baz, e a Concelleira de Turismo e Comercio, Montserrat Magallanes, presentaron a axenda de Nadal.
Có acendido das luces a fin de semana pasada se lle dou o pistoletazo de saída ás Festas de Nadal. Así a partir desta data hai actividades programadas tanto para adultos coma para nenos ata xaneiro.
Obradoiros infantís onde os rapaces e rapazas farán adornos de nadal ou instrumentos, mercado de artesanía na Praza de Abastos, festival de pandereteiras ou un concerto de panxoliñas, son algunhas das iniciativas que se levarán a cabo durante os meses de decembro e xaneiro.
Ademais haberá festas de inchables, unha Carreira San Silvestre con fins benéficos, espectáculos de teatro e cinema para rapaces e rapazas ou chocolatadas.
Como non podería ser doutra maneira, non faltará a cabalgata dos Reis Magos e a posterior recepción na Casa dos Alonsos o 5 de xaneiro.
As actividades, ademais de estar organizadas polo Concello da Guarda, tamén as hai organizadas por ACIGU, por +k ARTE ou pola Coral Polifónica da Guarda.
O goberno local quere desexar a todos os veciños e veciñas da Guarda, e tamén aos visitantes que se acheguen á vila durante estas datas, unhas felices festas e un bo aninovo.