ORPAGU E O CONCELLO DA GUARDA PRESENTAN A SEGUNDA EDICIÓN DE “ESPADA EN TAPAS”
A ruta celébrase durante as dúas últimas fins de semana de setembro.
A Organización de Palangreiros Guardeses en colaboración cos hostaleiros locais ofrecerán degustacións de peixe espada gratuítas nas dúas últimas fins de semana de setembro.
Tras o éxito da primeira edición, a Organización de Palangreiros Guardeses, en colaboración co Concello da Guarda, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, poñen en marcha a segunda edición de “Espada en Tapas”, unha iniciativa na que colaboran once restaurantes locais e que permitirá servir degustacións de peixe espada gratuítas nas dúas últimas fins de semana de setembro.
Desta maneira, o venres 18, sábado 19 e domingo 20, e a fin de semana seguinte, os restaurantes Aparthotel Marouco, Brisamar, Carla, Gaviota, Jamonería Anabel, La Pizzicata, Marusía, O Cangrexal, Os Remos, Trasmallo y Xeito ofrecerán de 12:00 a 13:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas, tapas de peixe espada totalmente gratis.
“A unión de esforzos é fundamental para o desenvolvemento da economía local e o impulso do noso potencial turístico e gastronómico. ORPAGU facilitará ós once restaurantes participantes a materia prima para que eles elaboren nas súas cociñas as mellores tapas de peixe espada”, explicou Juana Parada, xerente de ORPAGU, na presentación do evento.
Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén presente nesta presentación afirmou que esta é unha iniciativa “especialmente atractiva”. “Este evento une os dous puntos estratéxicos da Guarda, a pesca e o turismo”, afirmou Lomba.
Montserrat Magallanes, Concelleira de Turismo, comentou que dende o Concello sempre estarán abertos a colaborar con este tipo de iniciativas. “Son dous piares fundamentais unidos polo que é moi interesante”, afirmou a Concelleira.
O Concello da Guarda, polo tanto, colaborará dinamizando as rúas da Guarda con música en directo e entregando ós establecementos participantes unha fotografía profesional da súa receita e un diploma.
Como a intención é premiar ó consumidor, todos os participantes de “Espada en Tapas” terán a oportunidade de gañar unha cesta de produtos de peixe espada deixando, simplemente, os seus datos persoais nas urnas que se disporán nos diferentes restaurantes participantes.
Na presentación, os xornalistas dos medios de comunicación degustaron as tapas para escoller unha ganadora e distinguir o establecemento cun diploma que o acredite. O resultado darase cando remate o evento.