Os nenos e nenas da Guarda conmemoran a figura de Rosalía nun emotivo acto
Os rapaces e rapazas recitaron poemas da escritora galega máis recoñecida. Esta foi a última das iniciativas organizadas en torno á poeta.
Esta mañá, nenos e nenas de todos os centros escolares da Guarda, conmemoraron o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, nun emotivo acto na Praza do Reló.
Os alumnos e alumnas, acompañados polos seus mestres e portando distintas pancartas na honra de Rosalía, saíron dende os seus colexios para xuntarse todos, ás 12 horas, na céntrica praza fronte ó Concello.
Representantes de todos os colexios subíronse ao balcón do concello para responder á pregunta “Por que estamos aquí?”. Os nenos e nenas responderon, entre outras cousas dicindo que Rosalía de Castro loitou polos galegos e pola lingua galega e por todas esas persoas que tiveron que emigrar.
Despois nas voces dos nenos recitouse o poema “Campana de Bastabales”, poema na que Rosalía falaba da súa terra: […]Miña casa, meu abrigo; vanse todos eu me quedo; sin compaña, nin amigo[…].
Para rematar este acto todos xuntos cantaron a canción do poema “Adios ríos, adios fontes” e mostraron as súas caretas da poeta feitas nas súas aulas.
A Concelleira de Cultura, Elena Baz, quixo salientar que “os nenos e nenas son o futuro, tamén os da lingua galega”.
Semana por Rosalía
Con este acto tan emotivo, e tamén reivindicativo, o Concello da Guarda pechou todas as actividades programadas na “Semana por Rosalía”.
Entre as iniciativas tamén destacou a pintada dun muro polos alumnos de Educación Secundaria de distintos colexios. O sábado pola mañá houbo unha sesión de “Contos Contados” nos que os nenos disfrutaron facendo un obradoiro sobre Rosalía de Castro.
Pola noite, no Centro Cultural houbo un acto no que se puxo en valor tanto a biografía coma a obra de Rosalía de Castro. O veciño guardés Manuel Cadilla foi o encargado de recitar poemas, os grupos “Carainas”, “Ghaiteiros do Carreiro” e “Tremelique” , da Agrupación Cultural Guardesa serán os encargados de pór a música a este acto presentado por Beti Rey.
O Concello da Guarda quere agradecer a participación de todos os veciños e veciñas da vila nestes actos conmemorativos.