Monólogo a partir de relatos de Emilia Pardo Bazán a cargo de Cris de Caldas.
Nas longas noites de inverno ou nas calorosas tardes de verán, a vella Carmela para uns, a señora Carmen para outros, lía novelas de vaqueiros ou miraba os santos das revistas de corazón. Iso era cando non estaba calcetando ou rezando o rosario, que eran as súas opcións de lecer preferidas.
Tiña outra ocupación que estaba entre afección e obrigación: cociñar. Sempre necesitaba axuda e alí estaba a súa neta para axudar, máis por obrigación que por afección. Para entreter a tarefa, a vella Carmela para uns, a señora Carmen para outros, contaba contos e historias doutras vidas. Á neta gustáballe o que escoitaba e preguntaba o que non sabía. Preguntaba moito e a avoa contestaba ás veces. Cando a vella calaba, a neta tiráballe da lingua para afastar a tristeza que a silenciaba.
Un día soubo, pola súa neta, da existencia dunha condesa que escribía sobre un mundo que ela tamén coñecía. Se ben que esta historia é así, pois Carmela era a miña avoa.
Combinando historias de vida reais e versións persoais dalgúns dos contos de Emilia Pardo Bazán, nace Dona Emilia e a Señora Carmen, un monólogo que recupera a figura e obra da condesa da man de Cris de Caldas.