Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonsos ata o vindeiro 23 de abril e poderá visitarse en horario de 8:00h a 15:00h. As bonecas como arquetipo da “muller obxecto” que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación. Unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas “Barbie”, que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende “romper” e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que “romper” e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.
“Rompe. Xoga en igualdade” consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a “Barbie” por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.