Como cada 14 de xullo dende hai 18 anos, chega o festival Rock Guardés ó porto da Guarda dentro das Festas do Carmen.
Este ano hai un nome que destaca, New Day, a nova banda de Amparo Llanos, ex Dover, xunto a Samuel Titos, baixista da banda que Amparo lideraba xunto á súa irmá Cristina. Jota Armijos, ex Fuckaine completa o power trio na batería. A banda madrileña virá presentar o seu recente segundo disco “Fever”, unha gran oportunidade de ver na Guarda a uns músicos que xa forman parte da historia do rock do noso país.
Abrirán o festival a banda local Helen & Shanna, que tamén presentará o seu novo traballo “Tempo” a piques de lanzarse e estreando por primeira vez na vila a súa nova formación, con influencias de psicodelia e world music, o seu folk fará quentar motores para o que veña despois.
Pecharán o festival a banda de rock viguesa Loco Turbina con grandes temas que todos recoñecerán e farán corear ata ó final, recomendada pola Asociación Cultural Rock’n’Rolla que colabora este ano co RG.
Esta edición será especial xa que coincide coa celebración do XIV Encontro Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará do 11 ao 14 de xullo. Para iso o RG une forzas coa Asociación Cultural Piueiro e a Asociación Cultural Rock’n’Rolla que achegará unha das bandas, do mesmo xeito que segue contado co patrocinio da marca local éxfico clothing, o resto de patrocinadores locais, Concello da Guarda e por soposto a Comisión de Festas Virxe do Carmen da Guarda, un ano máis comprometida coa música rock en directo.
Entrada de balde, apertura de portas as 21:00 h., comezo dos concertos dende as 22:00h.